Monday 16 de September de 2024

O Servicio Municipal de Conciliación conta no verán con 124 usuarios


Durante o curso escolar volverá funcionar o servizo Madruga, ademais do de Canguraxe que se oferta durante todo o ano.

O servizo municipal de conciliación que baixo a denominación Vacacións se presta durante o verán no marco do Programa Harmoniza está a rexistrar excelentes cifras de asistencia. Durante os meses de xullo e agosto conta con 124 usuarios que acoden de luns a venres ás instalacións do CEIP Otero Pedrayo.
Os rapaces, de 3 a 12 anos de idade, están en todo momento atendidos por persoal docente especializado en educación infantil. En compañía de nenos da súa mesma franxa de idade realizan diversas actividades didácticas e educativas, ademais de ter a opción de recibir un almorzo equilibrado.
Como proposta educativa e de ocio complementaria, hoxe desfrutaron dunha excursión á área recreativa de Gabenlle. Ademais, o mércores e o xoves da semana que vén realizarán dous obradoiros que introducirán o concepto de igualdade de forma lúdica e participativa mediante unha charla informativa e o pintado de murais.
O Concello continúa apostando durante todo o ano polo Programa Harmoniza para responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os horarios laborais coa atención dos seus fillos. Ademais do servizo Vacacións -que se oferta no verán, Nadal, Semana Santa e Entroido-, durante o curso escolar funciona Madruga desde as 7:00 horas nos tres centros de infantil e primaria. No momento actual xa conta con 147 inscritos para o curso escolar 2024-2025.
Tamén se ofrece o servizo Canguraxe, neste caso dirixido a familias con nenos de entre 4 meses e 12 anos de idade. Contempla un conxunto de tarefas centradas nos coidados básicos e atención a prestar nos domicilios para cubrir necesidades puntuais, non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo.
Calquera persoa empadroada no termo municipal da Laracha que desexe beneficiarse do Programa Harmoniza pode ampliar información ou solicitar a inscrición acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no Edificio Administrativo da Laracha.